You are on page 1of 6

TEMA 1.

A PSICOLOXÍA DA EDUCACIÓN: OBXECTO DE ESTUDO, CONTIDOS E


RELACIÓN COA PROFESIÓN DOCENTE

1.1. A RELACIÓN ENTRE PSICOLOXÍA E EDUCACIÓN


O carácter aplicado da Psicoloxía da educación (PE)

César Coll é un dos autores de referencia obrigada nesta asignatura e un referente na PE


neste pais. Define a PE como unha disciplina aplicada que se ocupa dos procesos
educativos cunha triple finalidade:
a) Contribuír á construción dun modelo teórico que permita comprender,
explicar e mellorar ditos procesos,
b) Elaborar procedementos e estratexias de planificación e intervención que
permitan orientar os procesos educativos, e
c) Contribuír a implementar unha prácticas educativas máis eficaces.
Neste contexto, dicir que a PE é unha disciplina aplicada, pode entenderse de varias
maneiras. Dende aqueles máis radicais, para os que a PE é una disciplina sen identidade
propia (a psicoloxía aplicada á educación) a aqueles que reivindican a súa
independencia da Psicoloxía básica. Unha posición intermedia, que poderíamos
cualificar como interdisciplinar, entendería a PE como unha disciplina ponte entre a
Psicoloxía e as Ciencias da Educación, de natureza aplicada pero cunha entidade
propia.Este vai ser o punto de vista que imos asumir no desenvolvemento deste
programa,e que supón asumir que:
a) A PE, como disciplina psicolóxica, baséase no principio de que existe unha
relación de interdependencia e interacción co resto de disciplina psicolóxicas
(psicoloxía da aprendizaxe, evolutiva, instrución, etc).
b) Como disciplina educativa axuda a comprender mellor o proceso de
ensino/aprendizaxe e a obter uns mellores resultados nos procesos
educativos.
c) Como disciplina aplicada, á PE lle corresponde non só ampliar e afondar na
dimensión teórico/conceptual, senón que é primordial desenvolver o deseño
de investigacións e planificar a intervención educativa.
Definir a PE como disciplina aplicada implica, por unha banda, definir o que se aplica,
definir o ámbito o que se vai a aplicar, e definir claramente os procedementos de
aplicación. Segundo Coll (1988), serían estes os tres compoñentes básicos:

1
a) O que se aplica (ámbito teórico/conceptual) Conxunto de coñecementos,
provenientes principalmente da Psicoloxía evolutiva e do aprendizaxe, que
son a fonte e a base da PE.
b) O ámbito de aplicación (ámbito tecnolóxico/proxectivo) A práctica
educativa que se refire ós contextos de ensino/aprendizaxe en xeral,
independentemente das características concretas dos participantes, dos
contidos ou do marco institucional no que teña lugar
c) Os procedementos (ámbito técnico/práctico)  Son procedementos de
axuste que se concretan nunha serie de principios, regras e deseños cuxa
función é axustar os coñecementos psicolóxicos ás características das
prácticas educativas e ó revés (os coñecementos, teorías, principios e leis da
psicoloxía non poden ser extrapolados directamente ás situacións educativas,
se non que deben ser modificados tendo en conta as características do ámbito
de aplicación (b)).

1.2. Unha breve referencia histórica da Psicoloxía da Educación

Recoller documento en fotocopiadora: Historia Psicoloxía da Educación


Consultar bibliografía recomendada.

1.3. Concepto, obxecto de estudio e contidos da Psicoloxía da Educación

Aínda xa se suxeriu anteriormente de forma indirecta, convén explicar cada un dos


termos por separado, para logo unilos. Despois abordaremos as consecuencias desta
relación conceptual.
Máis aló da filosofía, a literatura ou a mitoloxía, podemos definir á Psicoloxía como a
ciencia que aborda, cos seus propios parámetros, o estudo do comportamento,
principalmente o comportamento humano, establecendo vínculos explicativos sobre as
causas e as circunstancias que o provocan.

2
Definir a educación, podería levarnos posiblemente moito máis tempo do que
dispoñemos neste tema, e seguramente ides ter moitas asignaturas nesta titulación cuxo
obxecto case único vai ser afondar neste concepto dende diferentes puntos de vista.
Unha definición básica (por integradora), podería ser aquela que se refire á educación
como un proxecto, ou unha acción ó servizo dun suxeito (ou grupo), para que aprenda a
levar adiante o seu desenvolvemento persoal e social e a súa formación
científico/técnica, e dicir, para que aprenda a construírse como persoa na sociedade e o
tempo que lle tocou vivir.
A partir destas definicións, que debería representar unha área de coñecemento como a
Psicoloxía da educación?. En termos xerais, hai quen opina que as expectativas
depositadas na Psicoloxía non están aínda cumpridas, e que debe incrementar máis o seu
caudal de coñecementos. Tendo en conta a enorme complexidade dos fenómenos
educativos, é lóxico pensar que posiblemente a psicoloxía non sexa capaz de dar conta
de toda a problemática subxacente. A maioría admite que as relacións entre psicoloxía e
educación, adoptan un excesivo carácter unidireccional, ignorando as características
propias dos fenómenos educativos. A polémica está aberta na actualidade e ten o seu
reflexo na existencia de concepcións alternativas sobre os obxectivos e os contidos da
PE. Dende un marco teórico contrutivista , os contidos da PE abarcarían todo o que ten
que ver coa comprensión de como aprenden as persoas, coas dificultades que se atopan
á hora de aprender e ensinar e coas tarefas de intervención conducentes a superar esas
dificultades: en definitiva, a PE ocuparíase do análise, a planificación, o
desenvolvemento e a modificación dos procesos educativos.
En liña coas propostas comentadas, podemos considerar como obxecto de estudio da PE
os procesos de cambio comportamental provocados ou inducidos nas persoas como
resultado da súa participación en actividades educativas.(Coll, 2007). Esto implica
ocuparse de:
1. O que aprende: os procesos de crecemento e desenvolvemento; os
procesos de aprendizaxe; as diferencias individuais.
2. O que ensina: procesos de ensinanza, procesos de avaliación,
diferencias individuais.
3. O que se aprende e se ensina: os contidos de aprendizaxe e a
ensinanza (currículo).
4. O medio: a aula, a escola, a familia, a sociedade. Beltrán (1987).

3
1.4. Orientacións actuais na Psicoloxía da Educación

A complexidade de estudio da PE e a amplitude de ámbitos dos cales ten que dar conta,
leva a que, ineludiblemente, debamos ter en conta as achegas que se teñen feito dende
diferentes puntos de vista e diferentes modelos epistemolóxicos, que amplían e
enriquecen tanto o “corpus” teórico como a propia práctica educativa. Vexamos cales
son esas orientacións.

A) A orientación Cognitiva

Esta primeira liña parte dos estudos e traballos levados a cabo no ámbito da Psicoloxía
cognitiva que se concreta, no campo da educación, nunha nova área de coñecemento
que é a Psicoloxía da Instrución.
O definitivo desta orientación é dar conta dos principais aportes na investigación en
procesos psicolóxicos básicos tales como, a aprendizaxe, a atención, a intelixencia, a
linguaxe e as estratexias de procesamento da información, tales como a percepción, a
planificación da actuación, a comprensión, a memoria ou a resolución de problemas. A
ampla investigación neste campo e os espectaculares avances na psicoloxía cognitiva
nestes últimos anos, levaron a que este enfoque sexa un dos máis relevantes na
Psicoloxía da Educación actual, e máis concretamente na Psicoloxía da Instrución.

B) A perspectiva condutista.

Esta segunda liña refírese a un dos modelos cunha fonda tradición na Psicoloxía,
principalmente na psicoloxía americana. Unha figura relevante no condutismo é B.F.
Skinner, que extrae os principios e leis da conduta ou comportamento do traballo no
laboratorio (principalmente con animais) para logo aplicalo a conduta humana. Os
principios do Condicionamento operante ou instrumental, serven para modificar a
conduta dos individuos en función dos obxectivos que se queiran acadar. Os ámbitos de
aplicación do condutismo son moitos e moi variados; no educativo aporta aquelas
medidas, análises e técnicas de intervención que nos van permitir cambiar ou modificar
as condutas dos aprendices en función das metas propostas e os obxectivos establecidos.
Os procedementos condutistas fundaméntanse en dous principios:

4
- A frecuencia dunha resposta depende das consecuencias que
ten esa resposta
- A conduta dun suxeito consiste nunha serie de relacións
funcionais entre a resposta dese suxeito e o ambiente no
que o mesmo suxeito se desenvolve. Coñecer esas relacións
significa coñecer as causas dunha conduta determinada,
podendo así predecila, controlala ou modificala, segundo o
caso.
Este enfoque condutista tivo e ten un amplo arraigo na psicoloxía, especialmente na
psicoloxía americana. A tendencia actual deste enfoque está centrada na selección de
condutas críticas, a selección dos destinatarios ( non só os estudantes senón tamén pais,
profesores, etc) así como na maior atención que se lle presta ós antecedentes das
condutas máis que ás consecuencias das mesmas. As “técnicas de modificación de
condutas” seguen sendo de aplicación no ámbito da Psicoloxía da Educación.

C) O enfoque psicosocial

Esta terceira vía, liña ou enfoque destaca a importancia dos procesos sociais na conduta
dos individuos, tanto no que se refire o seu propio desenvolvemento como no proceso
de aprendizaxe. Este enfoque implica unha posición intermedia (que non ecléctica) entre
o externalismo extremo do condutismo e o tamén excesivo internalismo do enfoque
cognitivo. Trata de considerar e indagar na faceta social do estudante (actitudes, valores,
expectativas, etc) e indagar nas relacións psicosociais que afectan ás condutas dos
estudantes e ó proceso de ensino – aprendizaxe.

D) A visión interactiva (Psicoloxía Ecolóxica).

Fundaméntase nas correntes da Psicoloxía Ecolóxica (Coles, Bronfenbenner...), que


destaca a importancia do ambiente, entendido como “ecosistema”, onde ten lugar o
proceso de desenvolvemento e aprendizaxe. As interaccións que teñen lugar nos
diferentes ecosistemas (familia, aula, etc) son as que van a definir os procesos que teñen
lugar en cada un deles. A conduta do alumno na aula, por exemplo, non é unha simple

5
reacción ós estímulos ambientais nin á situación creada polo profesor. Esta depende de
como é percibida esa situación polo suxeito (intersubxectividade), da que forma parte
sen remedio. Esa conduta pode ser máis ou menos adaptativa, dependendo de cales
sexan as esixencias do ecosistema. A adecuación entre conduta e demanda do
ecosistema, así como a definición de todas as variables ecolóxicas implicadas, é o que
vai determinar a calidade dos procesos que teñen lugar nese mesmo ecosistema.

BIBLIOGRAFÍA ESPECÍFICA

 COLL,C. (1988). La investigación psicoeducativa. En C. Coll (Ed),


Conocimiento psicológico y práctica psicoeducativa:Introducción a las
relaciones entre psicología y educación. Barcelona: Barcanova
 GONZÁLEZ GONZÁLEZ, E. y BUENO ALVÁREZ, J.A. (2007). Psicología
de la educación y del desarrollo en la edad escolar. Madrid: CCS.
 PALACIOS, J.; MARCHESI, A. y COLL, C. (2006). Desarrollo psicológico y
Educación. Psicología de la Educación (vol.II). Madrid: Alianza.
 TRIANES, M.V. y GALLARDO, J.A. (2008). Psicología de la educación y del
desarrollo en contextos escolares. Madrid: Pirámide.
 SANTROCK, J.W. (2006). Psicología de la educación. Méjico: McGraw Hill.
 WOOLFOLK, A. (2010). Psicología educativa. Méjico. Pearson Educación.

ACTIVIDADE PRÁCTICA

1. Decálogo do bo mestre/a.
Material en CESGA + fotocopia de clase

You might also like